Amigus comeza outubro cun hackathon de deseño e produción de circuítos

martes, 20 de setembro do 2022 S. P.

A Asociación Amigus, a través dos seus Amigus Labs, dá a benvida ao outono cunha nova actividade creativa, participativa, libre e de espírito maker. Trátase dun Hackathon de deseño e produción de circuítos electrónicos. Celebrarase o vindeiro 1 de outubro no local de Amigus Labs, no 14 da praza do Hospital en As Pontes, en horario de 10:00 a 13:00h.
Na xornada aprenderase a deseñar PCB (placas de circuíto impreso) co software libre KiCad, a crear PCB cunha miniCNC, soldar compoñentes SMD e programar o microcontrolador dunha placa. “Trátase dun punto de partida para facer prototipos funcionais a baixo custo”, explican dende Amigus, engadindo que se trata dunha actividade formativa de balde e que as inscricións deberán formalizarse por orde de rexistro a través da web dos Amigus Labs.
O obradoiro está patrocinado pola Xunta de Galicia a través da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA).

PUBLICIDADE