Ames lanza un certame para premiar a creatividade da xente nova: GaleTiktokers

martes, 17 de novembro do 2020 S. P.

O Concello de Ames vai organizar un certame para estimular a creatividade das novas xeracións, animar á creación de vídeos en galego con novos formatos e temáticas e dar visibilidade á comunidade galega de tiktokers. Trátase da iniciativa GaleTiktokers, impulsada pola Consellería de Mocidade e Normalización Lingüística, na que poderán participar mozas e mozos a partir de 14 anos. Os seus tiktoks serán valorados por un xurado composto por persoas recoñecidas no ámbito audiovisual galego e nas redes sociais.
Para inscribirse no certame cómpre enviar ao correo electrónico galetiktokers@gmail.com a ficha de participación cuberta e asinada xunto co vídeo creado. O prazo de inscrición xa está aberto e rematará o vindeiro 30 de novembro de 2020. Os premios entregaranse nun acto público o 18 de decembro de 2020.
Poderase participar de forma individual ou por parellas, e establécense dúas categorías en función da idade. Na primeira categoría entrarán rapazas e rapaces de 14 a 16 anos, ambas as dúas idades incluídas; na segunda, incluiranse mozas e mozos a partir de 17 anos. No caso de participaren dúas persoas no mesmo vídeo, deberá ser con pantalla compartida para cumprir as normas sanitarias de seguridade; deste xeito, poderase compartir vídeo pero non espazo de gravación.
Premios e xurado
As bases do certame establecen catro premios, dous en cada categoría, de 150 euros cada un deles. Haberá premios do público e premios do xurado. Os premios do público levaranos as pezas que obteñan máis gústame no perfil de Instagram @omixames en cada unha das categorías. O resto dos premios decidiraos o xurado que valore todas as pezas participantes. Nesta primeira edición, o certame conta cun xurado composto por dous recoñecidos youtubeiros, Aquel-e e Olaxonmario, e pola presentadora do programa da TVG Dígocho Eu, Esther Estévez. Os tres valorarán os vídeos, tanto na forma como no contido, tendo en conta aspectos como a orixinalidade, a creatividade, a claridade e a calidade lingüística.
Características e condicións dos vídeos
Os vídeos que se creen para este certame teñen que estar en lingua galega e deben ser de creación propia, a través da aplicación TikTok. Será obrigatorio que a lingua teña presenza, xa sexa de xeito oral, escrito ou musical. As pezas, de temática libre, deben ter unha duración comprendida entre 15 e 60 segundos. Non se admitirán vídeos que promovan unha mensaxe violenta, denigrante ou ofensiva. Poderanse crear pezas audiovisuais relacionadas coa música, o humor, o baile, a interpretación, os efectos especiais, o deporte, etc.
O prazo de inscrición xa está aberto e rematará o vindeiro 30 de novembro de 2020.

PUBLICIDADE