Ames impulsará con fondos europeos a eAdministración e o uso das TIC

mércores, 24 de maio do 2017 Redacción

Os proxectos smart do Concello de Ames (Impulsa Ames) veñen de recibir un importante apoio europeo. Máis en detalle, o municipio coruñés foi seleccionado na segunda convocatoria de fondos DUSI cunha axuda de 5 millóns de euros, incrementábel até os 6.250.000 euros cos fondos propios do Concello. O plan Impulsa Ames abrangue 5 liñas de actuación nos ámbitos social, climático e enerxético, ambiental, demográfico e económico. “En primeiro lugar”, informou estes días o Goberno local, “tratarase de aproveitar o potencial das novas tecnoloxías de comunicación para reducir os desequilibrios existentes entre o ámbito urbano e o rural no acceso aos servizos municipais”.
Para isto, faranse esforzos para optimizar o uso das TIC e aproveitarase o seu potencial para pór en valor os recursos naturais e culturais do concello, amais dunha xestión enerxética e de mobilidade máis eficiente.
Amais de impulsar a dispoñibilidade das redes e o seu uso entre a cidadanía, forneceranse (en materia de transportes sustentábeis e calidade de vida) sendas peonís e espazos verdes.
No ámbito TIC, a parte de fomentar o uso das novas ferramentas entre a veciñanza, faranse esforzos para implantar e fortalecer a Administración Electrónica a través de novas ferramentas ao abeiro dos servizos municipais. Para este punto, destinaranse 490.000 euros de fondos europeos. Outra das accións “de meirande calado”, cun orzamento que se sitúa a rentes do millón de euros, será a posta en marcha dun transporte público que permita a conectividade no propio concello favorecendo a mobilidade e a redución de emisións de CO2.

PUBLICIDADE