Ames fai un chamamento a participar no seminario de robótica educativa que se celebra a finais de marzo

mércores, 27 de febreiro do 2019 Redacción

Onte o Concello de Ames e máis as entidades organizadoras do evento (Nova Escola Galega e Grupo de investigación en materiais educativos CAVILA) presentaron os detalles do X Seminario Obradoiro Internacional de Materiais Didácticos, que se celebra o 29 e o 30 de marzo no devandito concello e que xa avanzamos os días pasados dende Código Cero. Segundo lembraron, a actividade xurdiu coa finalidade de ofrecer un espazo de encontro para o profesorado e a comunidade educativa (familias, outros/as profesionais…) e co obxectivo de favorecer a análise e utilización crítica dos robots nas aulas de educación infantil, primaria e secundaria.
Amais, nun plano máis concreto, búscase coñecer as tipoloxías de robots e estratexias metodolóxicas para utilizar estes recursos en diferentes etapas educativas; e tomar decisións construtivas respecto do uso dos considerados robots educativos no contextos escolar.
O concelleiro de Educación e Cultura, David Santomil, agradeceulle as entidades organizadoras, Nova Escola Galega e Grupo de investigación en materiais educativos CAVILA, por escoller Ames como o lugar para celebrar a décima edición da xuntanza-obradoiro. “Para Ames é moi boa nova acoller este seminario internacional, que celebra aquí o seu décimo aniversario. Animamos aos docentes dos centros escolares para que se impliquen neste obradoiro e participen no evento, xa que aborda cuestións de grande interese como é a robótica e mailas TIC”. Asemade, o edil fixo un chamamento á veciñanza do concello a participar.
As xornadas artéllanse en dous días. O día 29 o encontro terá lugar no Pazo da Peregrina no que se dará comezo ao seminario cunha conferencia inaugural que servirá para situar o significado das competencias STEM e a súa implicación para a aprendizaxe e o coñecemento. Posteriormente levarase a cabo unha presentación da Aula Nova – CAFI. O día rematará cun encontro Lúdico-Cultural no que se celebrarán os 10 anos do Seminario.
O día 30 o encontro será na Casa de Cultura de Bertamiráns iniciando a xornada cunha exposición fotográfica. Posteriormente levarase a cabo varios obradoiros simultáneos no que os asistentes poderán iniciarse no desenvolvemento práctico da avaliación dos robots como recursos educativos. Estes obradoiros estarán divididos en tres tramos da educación: infantil; primaria e secundaria. Destaca a presenza nestes obradoiros de dúas mestras de educación primaria do CEIP Ponte dos Brozos, de Arteixo, que recibiu en 2018 o terceiro premio do Premio Nacional Fundación GSD de Innovación Educativa polo proxecto Realidade virtual e storytelling.
Para participar nestes obradoiros hai que inscribirse previamente. O prazo de inscrición estará aberto até o día 15 de marzo. A entrada será de balde previa inscrición, aberta a todo o público en xeral.
Na presentación, Suso Rodríguez, da Nova Escola Galega, explicou que “vaise facer unha análise sobre o papel que teñen os recursos educativos, entre eles a robótica, no mundo do ensino. Nos últimos dous anos está habendo un gran movemento arredor da robótica en diferentes ámbitos como o educativo, o da investigación e empresarial. Por iso centramos o seminario nesta temática, e de aí vén a pregunta que se propón: Que facer cos robots nas escolas e nos fogares? Así nestas xornadas abordarase que se pode facer cos robots dende a perspectiva educativa, pero, ademais, farase unha análise da metodoloxía educativa”.
Ademais, Suso Rodríguez, engadiu “é de agradecer a colaboración que amosa o Concello de Ames en materia educativa e en concreto no desenvolvemento deste seminario de xeito gratuíto. En Ames sabemos que hai moitas familias interesadas polos recursos educativos e sobre a cuestión da robótica. O que se pretende é analizar este tema dende diferentes perspectivas. Convidamos a participar nesta actividade a todas as familias interesadas, así como ao persoal dos centros de ensino e do mundo empresarial”.

PUBLICIDADE