Ames bota man dos novos formatos no seu programa de inmersión lingüística no galego

xoves, 2 de marzo do 2023 S. P.

Arredor de tres mil nenos e nenas que cursan o segundo ciclo de Infantil e Primaria no municipio de Ames están a participar dende esta semana no proxecto de inmersión lingüística creado pola Real Academia Galega e o Concello, no marco de Modo galego, actívao! O programa promove toda unha serie de actividades e reflexións para normalizar o uso do idioma non só no día a día nas escolas, tamén nas actividades extraescolares, de lecer, tempo libre e conciliación familiar xestionadas a través da administración local. A iniciativa conta con blog de seu e inclúe un programa extenso de actividades nas redes sociais e botando man dos contidos audiovisuais e dos videoxogos.
A experiencia de inmersión lingüística estase a desenvolver na Escola de Educación Infantil do Milladoiro, as escolas unitarias de Covas e da Igrexa e os colexios de Barouta, A Maía, Ventín e Agro do Muíño. Durará tres semanas e inspírase en 21 días co galego (a iniciativa de inmersión lingüística iniciada no IES da Pobra do Caramiñal, da man da profesora Pilar Ponte, e agora amplificada a máis centros da man da Secretaría Xeral de Política Lingüística), pero coa particularidade de “anticipar a experiencia ás primeiras etapas educativas e implicar, por primeira vez, todos os colexios dun mesmo concello a un tempo e estenderse ao conxunto de actividades educativas, complementarias e extraescolares de xestión local”, explicou o Concello de Ames.
O que se pretende acadar é “o compromiso entre o alumnado, o profesorado, o monitorado dos servizos complementarios e outros traballadores e traballadoras dos centros educativos de empregaren o galego durante, polo menos, tres semanas seguidas, buscando tamén a complicidade das familias”. E para facilitar o obxectivo, estanse a desenvolver toda unha serie de experiencias que, no caso das destinadas aos nenos e nenas, son dun marcado carácter lúdico. “Penso que o feito de que o que se lles propoña sexa divertido é fundamental, que non o vexan como os deberes, senón como unha actividade diferente e voluntaria que lles permite ademais acadar un premio”, reflexiona Javier Cacheiro.
Segundo fixo saber Enrique Gil, responsábel do equipo de dinamización lingüística do CEIP de Ventín, a resposta das crianzas está a ser “exemplar”. Así, as nenas e nenos fan serios esforzos por falar en galego e autocorrixirse. “Cada día teñen que reflexionar sobre a experiencia e autoavaliarse cun semáforo, e avalíanse con moita esixencia, paréceme unha proposta moi interesante porque promove a concienciación lingüística e porque se basea en actividades moi novidosas”.
Da diagnose á acción
Con Modo galego, actívao! a Real Academia Galega e o Concello de Ames pasan do diagnóstico á acción. O programa dálle continuidade ás investigacións do Seminario de Sociolingüística neste municipio que deron lugar á publicación A lingua no CEIP Agro do Muíño (2018) e ao Mapa sociolingüístico escolar de Ames (2021), no que se detecta unha perda do 10 % de galegofalantes iniciais xa no primeiro contacto co medio educativo na etapa infantil. Esta porcentaxe vai medrando nos sucesivos cambios de ciclo ata cifras extremadamente preocupantes: na Secundaria só o 11 % do alumnado é galegofalante e outro 11% bilingüe, fronte a un 77 % de falantes habituais de castelán, a maioría deles monolingües.
“É o momento de actuar e de sumar forzas entre as diferentes administracións e institucións implicadas”, salienta a concelleira de Normalización Lingüística, Escarlata Pampín. “Somos plenamente conscientes da situación sociolingüística nos centros escolares do municipio. É por isto que é urxente poñer en marcha intervencións coa finalidade de reverter a situación da nosa lingua entre a poboación máis nova e de garantirlles ás nenas e aos nenos o dereito a usar con normalidade a lingua que nos identifica como galegos e galegas”, expresa.
O proxecto conta cun blog que orienta o profesorado sobre que facer cada día, cada semana. Nestes primeiros sete días, a atención temática céntrase no audiovisual, a música, as redes sociais e os videoxogos e cada aula pode elixir realizar dobraxes divertidas de películas, pequenos vídeos sobre calquera tema curioso baseada na linguaxe de espazos coma Youtube e Tik Tok ou ben compoñer unha canción de música urbana en galego, detalla Gabino Vázquez-Grandío, técnico do Seminario de Sociolingüística da RAG. “Nas aulas de infantil a experiencia estase centrando polo momento en traballar co léxico, por campos semánticos”, engade.
A RAG e o Concello buscan ademais a complicidade das familias, con propostas para a fin de semana. Este venres 3 de marzo proporáselle ao alumnado un tema para que grave en formato podcast unha breve reflexión persoal. Nos primeiros días da semana seguinte, o profesorado fará unha escolma para remitila ao Seminario de Sociolingüística. Coincidindo co desenvolvemento do programa 21 días co galego, a emisora municipal, Ames Radio, emitirá tres programas especiais sobre dito proxecto os xoves 2, 9 e 16 de marzo.
Alén do programa de inmersión que se estenderá ata o 20 de marzo, Modo galego, actívao! ofrecerá ao longo dos vindeiros meses accións formativas e de sensibilización para o profesorado, os educadores, o persoal auxiliar e o monitorado das actividades complementarias. Prestaráselles tamén asesoramento ás empresas subcontratadas que se encargan das actividades complementarias, acompañarase os colexios na revisión dos proxectos lingüísticos de centro e facilitaráselles a todas as partes material didáctico e apoio á formación. Modo galego, actívao! desenvólvese co financiamento da Deputación da Coruña e do Fondo Xacobeo da Xunta de Galicia, a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística.

PUBLICIDADE