Amena podería volver ao mercado como OMV

venres, 8 de xuño do 2012 Marcus Fernández

O sector da telefonía móbil é moi dinámico, e así podemos ver como as marcas máis recoñecidas foron caendo unha a unha, e nomes como Moviline, Airtel, Retevisión ou Amena soan a antigo, pero dende Orange veñen de decidir recuperar esta última marca, desaparecida hai 6 anos, para comezar a funcionar como o Operador Móbil Virtual de baixo custo de France Télécom na liña do que Movistar fai con Tuenti.
O novo operador retomaría a súa actividade en poucas semanas, conservando a súa imaxe corporativa verde, cor que parece quedar libre entre os grandes operadores móbiles (Movistar usa o azul, Vodafone o vermello, Orange o laranxa, Ono o morado...). Dende elEconomista incluso apuntan que a compañía podería recuperar o boneco Pipo como imaxe de marca e o Libre de El Chaval de la Peca como música promocional.
Esta agresiva medida pretendería servir para que Orange consiga converterse no segundo operador móbil de España en número de clientes, para o que deben superar a Vodafone (compañía que aínda ten máis de 5 millóns de usuarios máis).

Amena foi unha das primeiras grandes marcas da telefonía móbil en España

PUBLICIDADE