Ambientum.com convoca a III edición do seu concurso de fotografía en liña

mércores, 9 de xuño do 2010 Raquel Noya

Ambientum.com, unha páxina web dedicada a todo o que ten que ver coa actualidade do medio ambiente e a ecoloxía en xeral, vén de convocar a terceira edición do seu concurso de fotografía medioambiental en liña, que está dedicado á natureza en todas as súas vertentes: a auga, a flora, a fauna, o cambio climático ou os residuos que a danan, entre outras cousas.
A variedade temática do evento, permitiralle ás persoas participantes mostrar lugares bonitos e elementos curiosos das nosas paisaxes, porén tamén paraxes degradadas pola acción dos humanos, que servirán a modo de denuncia perante a comunidade internauta.
O obxectivo é reunir nun mesmo evento o amor pola fotografía e polo medio ambiente, e que mellor maneira de facelo que a través dun concurso aberto á participación de todo o mundo no que se mostrarán o mellor e o peor da nosa xeografía dunha maneira moi orixinal.
O primeiro, segundo e terceiro clasificados recibirán cadansúa estancia dunha fin de semana nun hotel con encanto e para participar, a única condición que poñen dende a organización é ser maior de 18 anos e estar rexistrado como usuario ou usuaria en Ambientum.com.
O xurado valorará, entre outras cousas, o carácter innovador e creativo da técnica empregada, así como a naturaleza creativa e orixinal á hora de plantexar a mensaxe medioambiental que recolla a fotografía.
Cada participante poderá presentar un máximo de tres fotografías, acompañadas dun títular e un breve resumo do que se mostra.
Cabe destacar que as imaxes de outras edicións, que se poden ver na devandita web, son dunha calidade excepcional do que se deduce que o xurado do concurso non o vai ter doado para escoller a fotografía gañadora desta terceira edición, ao igual que non o debeu ter nas edicións pasadas.

PUBLICIDADE