Amazon reforza o control das críticas incentivadas

martes, 4 de outubro do 2016 Marcus Fernández

Os comentarios dentro do programa Vine están marcadas como tal, para que os usuarios saiban que non se trata de críticas ordinarias

Nas tendas en liña os comentarios dos clientes son de grande utilidade para tomar decisións de compra, algo do que en Amazon son moi conscientes, de xeito que cada día se esforcen máis en coidar tal funcionalidade, o que os levou a un cambio nas súas normas co que queren evitar as críticas fraudulentas de produtos como complemento ás melloras do seu sistema de valoracións (que mediante un algoritmo de intelixencia artificial dá máis peso ás críticas máis recentes), unha aplicación máis estrita da etiqueta de compra verificada e a adopción de medidas drásticas contra os intentos de manipulación das críticas (Que van dende o bloqueo de usuarios até as denuncias).
As normas de Amazon sempre prohibiron as críticas pagadas, coa excepción de que os usuarios podían recibir como compensación o produto de balde ou con desconto de indicarse expresamente, pero estas críticas incentivadas veñen de prohibirse agás que cheguen a través do programa Amazon Vine (dispoñible en España dende o pasado mes de abril) o que permite un maior control destas prácticas, xa que Amazon e os seus clientes saben así sempre cando un produto foi analizado por un usuario incentivado.
O programa Amazon Vine permite que unha serie de usuarios da tenda en liña reciban produtos antes do seu lanzamento para que, cando saian á venda, conten con un número mínimo de opinións que facilite que outros usuarios poidan facerse unha boa idea do que están a mercar, deixándose sempre claro que non se incentivan as valoracións positivas, e indicándose claramente cando un comentarista pertence ao programa.

PUBLICIDADE