Amazon presenta un novo tablet e renova os seus eReaders

mércores, 28 de setembro do 2011 Marcus Fernández

A familia de dispositivos electrónicos de Amazon baixo a marca Kindle renóvase, cunha maior diversidade de eReaders a prezos moi agresivos, e cun tablet con Android con pantalla de 7 polgadas que promete revolucionar o sector ao ofrecerse con grande acerto cunha ampla oferta de contidos descargables de distinto tipo. Este novo trebello responde ao nome de Kindle Fire, chegará aos EE.UU. o vindeiro 15 de novembro e o seu prezo será de só 199 dólares.
O Kindle Fire ten unha pantalla IPS multi-táctil de 7 polgadas cunha resolución de 1.024 x 600 píxeles, procesador de dobre núcleo, unhas medidas de 190 x 120 x 11,4 milímetros, pesa 413 gramos, integra 8 Gb de almacenamento interno ampliable mediante un almacenamento na nube que ofrece Amazon de balde, ten conectividade Wi-Fi N, USB 2.0, toma para auriculares, unha autonomía de ata 8 horas de lectura e 7,5 horas de reprodución de vídeo. Soporta contidos en distintos formatos, como Kindle (AZW), TXT, PDF, MOBI, DOC, DOCX, JPEG, GIF, PNG, BMP, AAC sen DRM, MP3, MIDI, OGG, WAV, MP4 e VP8. Carece de 3G, micrófono e cámaras.
Este hardware non destaca fronte a outros tablets con Android (o Kindle Fire funciona cunha versión de Android personalizada), senón polos servizos asociados, contando con acceso á Amazon Appstore (con milleiros de aplicacións e xogos), a 18 millóns de películas, series de televisión, cancións revistas e libros e o novo navegador web Amazon Silk, que aproveita os servidores Amazon EC2 para acelerar a carga de páxinas web.

Pero o prezo do Kindle Fire tamén ten repercusión nos seus irmáns pequenos, que na súa nova iteración reducen o seu prezo, de xeito que agora temos o Kindle básico (só con Wi-Fi) por só 79 dólares, o Kindle Touch (con pantalla táctil) por 99 dólares, o Kindle Touch 3G (con pantalla táctil e conectividade 3G) por 149 dólares, todos coa súa excelente pantalla E Ink de 6 polgadas e prescindindo do teclado completo que había na parte inferior de modelos anteriores, polo que reducen o seu peso e tamaño.
De todos os xeitos cómpre precisar que todos estes produtos presentados hoxe aínda non teñen data de lanzamento en España, aínda que é de agardar que antes de rematar o ano a plataforma Kindle chegue ao noso territorio, o que non só facilitará a adquisición deste hardware, senón que tamén suporía a eclosión dos contidos electrónicos en español, que son unha das grandes carencias da oferta actual de e-book.

O Kindle básico reduce o seu prezo a 79 dólares
O Kindle Touch prescinde de botóns ao incorporar pantalla táctil
O Kindle Fire achega multitude de contidos á súa pantalla de 7 polgadas
O Kindle Fire funciona cunha versión modificada de Android que facilita o acceso a e-books, libros, películas, series de televisión e música dispoñible nos servizos en liña de Amazon


Anuncio televisivo do Amazon Fire

PUBLICIDADE