Amazon podería ter que pagar 746 millóns de euros por infrinxir a lexislación de protección de datos

venres, 30 de xullo do 2021 Marcus Fernández

Unha demanda colectiva presentada contra Amazon en maio de 2018 polo grupo de defensa da privacidade La Quadrature du Net levaría á Comisión Europea a impor unha sanción por valor de 746 millóns de euros, o que sería a meirande cantidade dunha multa por violación do Regulamento Xeral de Protección de Datos (a anterior sanción máxima fora de 50 millóns de euros contra Google).
A reclamación presentada contra Amazon denunciaría o sistema de focalización publicitaria empregado por Amazon sen o consentimento libre dos usuarios, motivo que dende Amazon non consideran xustificado, xa que entenden que non hai fugas de datos nin exposición de datos de clientes a terceiros, ou sexa, que non ven razoable que se sancionen os métodos nos que se basea boa parte do seu modelo de negocio.
Dende as autoridades comunitarias aseguran que esta sanción sería disuasoria, ou sexa, que buscaría que Amazon corrixa os seus comportamentos infractores contra cos regulamentos europeos, asegurando que manterán a vixilancia sobre as prácticas de Amazon, mentres que dende a compañía estadounidense aseguran que apelarán esta sanción, que consideran arbitraria, en boa medida por referirse a áreas nas que as autoridades aínda non realizara recomendacións formais.

PUBLICIDADE