Amazon pagará máis impostos en España

luns, 25 de maio do 2015 Marcus Fernández

A pasada fin de semana The Guardian deu conta de que o xigante do comercio electrónico Amazon ía mudar a súa estrutura corporativa para pasar a pagar impostos no Reino Unido en resposta ás presións das autoridades gobernamentais que levaban anos criticando que a compañía norteamericana canalizase as súas operacións a través de Luxemburgo como método de elusión fiscal.
Pero estes cambios non afectarán só a Reino Unido, senón que dende The New York Times aseguran que en Alemaña, Italia e España Amazon tamén pasará a dar conta das súas operacións locais, en vez de evitar o pagamento dos impostos que lle corresponderían.
A Comisión Europea está a emprender accións contra as empresas baseadas na Internet que chegan dende fóra de Europa, e que aproveitan as condicións favorables que ofrecen territorios como Irlanda ou Luxemburgo para pagar unhas taxas moi reducidas. De feito, estes países tamén están a limitar cada vez máis as tributación por operacións internacionais para evitar prácticas como as de Amazon, Google ou Apple, que levan anos pagando menos impostos do que deberían se tributasen regularmente.

PUBLICIDADE