Amazon impulsará a transformación cloud do BBVA

venres, 21 de outubro do 2016 Redacción

BBVA vén de anunciar un acordo con Amazon Web Services (AWS) co obxectivo de impulsar a transformación do grupo bancario a través dos servizos da nube (cloud) que ofrece a multinacional TIC. O acordo, inserido na recente política de alianzas do BBVA con “provedores estratéxicos” referentes, situará á compañía AWS como primeira provedora de de servizos de computación na nube. A través deste pacto, o grupo bancario fará a migración de compoñentes á plataforma cloud que Amazon pon á súa disposición: unha plataforma que xa comezou a coller forma, froito da colaboración mutua, e que será, nas súas palabras, “unha solución na nube segura, flexíbel e con marxe de adaptación e evolución”. Con isto, a entidade fará fronte a un desafío ben concreto: o medre exponencial de operacións inherente á súa transformación dixital.
Segundo lembrou o BBVA para facernos unha idea do seu crecemento ao abeiro do tecnolóxico, a día de hoxe as súas plataformas xestionan máis de 542 millóns de operacións diarias, fronte aos 90 millóns en 2006. “En 2017”, explica, o grupo, “estarán preparadas para realizar 1.000 millóns de operacións diarias en tempo real, o que confirma a rápida adaptación de BBVA aos cambios nas necesidades e expectativas dos seus clientes”.
Lembrar que o Grupo BBVA xa utiliza AWS para a súa aplicación para comercios Commerce 360, que ofrece intelixencia comercial a través de TPV (Terminal Punto de Venda), actualmente dispoñíbel en España, e prevé seguir estendendo o uso dos servizos na nube de AWS.
Nun plano máis detallado, o acordo posibilitará un maior uso do ecosistema da nube de AWS por parte do grupo bancario e a creación dunha comunidade de coñecemento na nube que compartirá información sobre esta tecnoloxía e velará polo rigor nas políticas de arquitectura, estándares e seguridade. Ademais, AWS traballará coas recomendacións de BBVA para adaptar a súa liña de servizos ao sector financeiro.

PUBLICIDADE