Amazon estrea lector de e-books para PC

martes, 10 de novembro do 2009 Marcus Fernández

A lectura de libros electrónicos non precisa da compra dun lector hardware, senón que tamén pode facerse dende outros dispositivos coma o iPhone, móbiles con Android ou mesmo o ordenador, de aí que dende Amazon decidisen ampliar as plataformas do seu Kindle e estreen hoxe a versión de proba do seu lector para PC (asegurando que en breve terán versión para Mac OS X).

A lectura dende o PC simula a experiencia de lectura dun Kindle eReader

A aplicación permite a compra, descarga e lectura de milleiros de libros dispoñibles na Kindle Store, ler o comezo dos libros antes da súa compra, poder acceder a libros en cor coma libros infantís, libros de cociña, guías de viaxes ou comics (algo que no Kindle eReader só pode facerse en branco e negro), pasar páxina ou facer zoom cos dedos se tempos unha pantalla multi-táctil baixo Windows 7 e sincronizar os marcadores e as últimas páxinas lidas con outros dispositivos Kindle (de xeito que podemos continuar no PC a lectura dun texto que iniciamos no iPhone ou no Kindle eReader).
Está claro que este novo cliente para a tenda de e-books de Amazon busca ampliar o seu público, de xeito que os usuarios que non teñan dispositivos especiais poidan acceder á oferta de textos actualmente dispoñible na Kindle Store, que continúa a ser moi pouco atractiva para un público que non sexa angloparlante.

PUBLICIDADE