Amazon dará o 70% dos beneficios dos e-books que venda aos autores/editores

mércores, 20 de xaneiro do 2010 Marcus Fernández

A apertura internacional da plataforma de autopublicación para o Kindle de Amazon é unha boa nova para autores e editores de todo o mundo, pero non ven soa, senón que dende Amazon agora anuncian unha estandarización do seu sistema de reparto de beneficios para a súa tenda de libros electrónicos, emulando en boa medida o modelo de reparto da App Store, de xeito que os autores/editores que fagan uso da plataforma de libros electrónicos (DTP) quedarán co 70% do prezo de venda dos libros, o que supón unha importante mellora para moitos autores, afeitos a recibir regalías e entre o 7 e o 15% do prezo de portada dos libros físicos ou do 25% que deixan para os editores moitas tendas de e-books.
Este novo modelo busca que os autores e editores benefíciense de maiores beneficios da comercialización das súas obras en formato dixital, e podería marcar un estándar para o sector, pois a Kindle Store é o modelo a imitar a nivel mundial.
A nova política de Amazon entrará en vigor o 30 de xuño, e inicialmente só afectará a libros á venda nos EE.UU., e permitirá que os autores/editores poidan fixar prezos das súas obras de entre 2,99 e 9,99 dólares, o prezo da edición dixital deberá ser coma mínimo un 20% inferior que o menor prezo do libro físico, as obras estarán dispoñibles en todos os ámbitos xeográficos nos que o autor/editor teña os dereitos, os textos estarán suxeitos ás prestacións que ofrece a Kindle Store (coma a función de texto-a-voz) e os libros que estrean incluídos nesta fórmula de regalías deberán ter uns prezos iguais ou mellores que os dos competidores de Amazon.

PUBLICIDADE