Amazon anuncia o seu proxecto de enerxía limpa máis ambicioso e de meirande tamaño

mércores, 15 de xullo do 2015 Redacción

Amazon Web Services anunciou esta semana a vindeira posta en marcha do seu proxecto renovábel máis ambicioso e de meirande envergadura até a actualidade. O proxecto levarase a cabo en colaboración coa firma española Iberdrola Renewables e consiste na construción e posta en funcionamento dunha granxa eólica, a chamada Amazon Wind Farm US East, que estará emprazada en Carolina do Norte (Estados Unidos) e que roldará unha produción de 670.000 megavatios á hora (a partir de decembro de 2016). Isto equivalería, sinalou a compañía, á enerxía precisa para abastecer 61.000 fogares do país. Servirá, iso si, para fornecer enerxía eléctrica aos centros de datos da macrotenda en liña Amazon actuais e futuros.
O proxecto responde ás liñas estratéxicas asumidas nos últimos anos pola compañía en materia de respecto polo medio ambiente e a sustentabilidade (en 2014 anunciou o compromiso de tirar partido a longo prazo de enerxía renovábel, única e exclusivamente, e en abril de 2015 fixo saber que aproximadamente o 25% da enerxía consumida pola infraestrutura global procedía de fontes limpas).
Este proxecto súmase á posta en marcha da granxa eólica en Indiana (Fowler Ridge) que xerará 500.000 megavatios por hora (MWh) de enerxía anualmente; ao proxecto piloto con baterías Tesla; á adhesión da compañía á entidade American Council on Renewable Energy (ACORE) e ao anuncio en xuño de 2015 da granxa solar Amazon Solar Farm US East, que xerará 170.000 megavatios por hora (MWh) de enerxía solar ao ano. A compañía estima que este tipo de aposta polos recursos limpos xerarán máis de 1.3 millóns de MWh adicionais nas redes eléctricas.

PUBLICIDADE