Amazon amosa o estado actual da súa tecnoloxía de drons de reparto

luns, 30 de novembro do 2015 Marcus Fernández

Hai preto de dous anos Amazon deu conta da súa intención de crear un servizo de reparto de paquetería a través de dons, Amazon Prime Air, proxecto que está a avanzar a bo ritmo, e que xa amosa unha aparencia bastante diferente á proposta inicialmente se atendemos ao vídeo informativo que veñen de publicar dende a compañía norteamericana, que parece estar a buscar principalmente o apoio das autoridades gobernamentais dos distintos países nos que opera para que autoricen as probas de dispositivos de voo non tripulados, actualmente prohibidos en practicamente todo o mundo (cómpre advertir que non estamos a falar de drons controlados con visión directa do seu piloto, senón ante sistemas autónomos que percorrerán grandes distancias).
A plataforma loxística que quere crear Amazon permitiría levar paquetes de até pouco máis de 2 quilogramos de peso en menos de 30 minutos, para o que precisan dispositivos cunha autonomía de 24 quilómetros e que terían que voar a uns 120 metros de altura; e para deixar claro que non estamos a falar dunha tecnoloxía ficticia, publicaron un vídeo no que fan unha demostración cun prototipo de dron real, facendo unha entrega non simulada dun paquete.
Queda agora por ver se as campañas promocionais de Amazon chegan para convencer ás autoridades para facilitar o voo de drons de uso comercial no espazo aéreo, o que supón todo un reto para os reguladores.

Vídeo no que podemos ver o funcionamento dun prototipo actual de dron de reparto de Amazon

PUBLICIDADE