Amazon abrirá un centro loxístico no Porriño

luns, 29 de xullo do 2019 Marcus Fernández

Amazon anunciou hoxe que está a ultimar a apertura dunha nova estación loxística no concello do Porriño, onde traballará con dúas empresas de reparto independentes para proporcionar a entrega rápida e fiable que os clientes da compañía de Jeff Bezos valoran. Esta nova instalación terá 4.000 metros cadrados, creará máis de 30 postos de traballo e tamén suporá que as empresas de reparto independentes contraten a máis de 30 condutores que recollerán os paquetes da estación e entregaranos aos clientes de Amazon na área de Vigo e arredores, e Pontevedra.
Pola súa banda, a alcaldesa do Porriño, Eva García de la Torre, asegurou que «é unha enorme satisfacción saber que unha empresa tan emblemática internacionalmente e coa repercusión que a nivel mundial ten Amazon, elixira O Porriño para establecer unha estación loxística. Para O Porriño é unha confirmación da importancia que temos económica e industrialmente. E a expectativa de creación de emprego e de negocios, tanto por contratación directa como indirecta, é algo do que todos debemos congratularnos».

PUBLICIDADE