Amazon abre tenda de drons para Norteamérica

martes, 9 de setembro do 2014 Redacción

Semella que a aposta de Amazon polos drons vai en serio e é firme. A macrotenda en liña, ao fío deste interese polos vehículos aéreos non tripulados, xa levou a cabo probas para iniciar a distribución de produtos mediante estes aparellos tecnolóxicos (tal e como sinalamos no mes de xullo dende Código Cero), ao que cómpre engadir a posta en marcha dunha sección específica centrada na venda de drons. Os prezos destes oscilarían entre os 99 e os 1.000 dólares. Falamos de Drone Store e nela podemos acceder a unha chea de modelos, dende o máis simple, até o máis complexo.
A tenda complétase cun longo catálogo de complementos, unha folla de ruta para consumidores e máis unha declaración de responsabilidade para os interesados nestas tecnoloxías (incluíndo consellos básicos e específicos de seguridade). Polo de agora, a sección só está aberta para o mercado de Estados Unidos. Como sinalamos en xullo, a aposta de Amazon polos drons formalizouse a través dunha solicitude oficial ao organismo gobernamental norteamericano competente (a FAA) co fin de obter autorización legal para iniciar as probas do seu sistema de drons de reparto nas súas propias instalacións. Amazon arrincou con aparellos con capacidade para voar máis de 80 quilómetros por hora e cargar con máis de 2,27 quilogramos (o que cubriría o 86% dos produtos vendidos por Amazon).

PUBLICIDADE