Alumnos e profesores do Colexio Fogar Afundación participan activamente no salón de impresión dixital C!Print
luns, 5 de outubro do 2015
Abanca
vén de dar a coñecer que o Colexio
Fogar Afundación, unha iniciativa de formación profesional da
entidade financeira galega, participará desde mañá e até o
vindeiro 8 de outubro no Salón
C!Print Impresión Dixital, Téxtil e Personalización, en
palabras de Abanca unha xuntanza en Madrid “das máis destacadas
empresas e recoñecidos profesionais no eido da creación e impresión
dixital”. O centro educativo, que xa estivo presente na edición do
ano pasado, foi convidado de novo a participar nesta experiencia.
Nesta ocasión, como novidade, sete dos seus estudantes foron
seleccionados para formar parte da organización.
Ademais, dous dos
profesores do departamento de artes gráficas do Colexio Fogar,
Ricardo Fernández Costas e Nuria Casal Fernández, pronunciarán
tres relatorios durante o evento: Novos proxectos en formación,
Impresión UV e Corte e gravado Láser. Unha combinación de éxito e
Novas aplicacións e solucións de negocio coa tecnoloxía UV e de
Impresión e Corte de Roland.
Na cita, como dixemos,
xuntaranse empresas referentes no plano internacional no ámbito da
fabricación de maquinaria de impresión dixital. Presentaranse todas
as novidades do sector gráfico e os profesionais asistentes terán a
oportunidade de ampliar a súa formación nas distintas conferencias
e demostracións programadas. Segundo informan os profesores Nuria
Casal e Ricardo Fernández, “Para o Colexio de Afundación esta
experiencia resulta especialmente interesante xa que pon en valor a
formación do noso alumnado, que estará a desenvolver traballos no
espazo Plug & Play da propia feira e no stand dun
dos colaboradores do centro formativo, Roland DG, o maior fabricante
de plotters de impresión e corte a nivel internacional”.