Alumnado da ETSE proclámase vencedor no programa de talento Tech Challenge

martes, 26 de abril do 2022 S. P.

O reto Tech Challenge, desafío de talento impulsado por HPE para dar forma coas propostas dos estudantes á cidade do futuro, tivo claro protagonismo galego. De feito, participaron na final (celebrada esta fin de semana) dous sobranceiros equipos da nosa terra: o equipo da USC Overflow e, como como sinalamos os días pasados dende Código Cero, o equipo Zamburiñas da Universidade de Vigo. Finalmente proclamáronse vencedores os rapaces de Overflow, logo dunha moi meritoria actuación dos nosos equipos.
O equipo da USC, integrado por alumnado de Enxeñaría Informática, estivo formado por Alejandro González Santos, Juan Pablo García Amboage e Pedro Henrique Nobre Oliveira, todos eles alumnos da Escola Técnica Superior de Enxeñaría, xunto con José Víctor Carou Padín da UDC.
O alumnado da Universidade de Santiago tivo que superar unha primeira fase orientada ao desenvolvemento de software, algoritmia e lóxica co que obter as chaves á cidade do futuro Anthem. A continuación, xa no marco da segunda fase, deberon resolver un conflito da cidade a través de habilidades técnicas. A fase derradeira do desafío (con formato de hackaton) consistiu en que os cinco equipos finalistas pasaran 48 horas nas instalacións da empresa organizadora do evento para demostrar as súas habilidades e ser quen de entrar no seu cadro de persoal.
O Tech Challenge é un programa de talento para animar a estudantes a enfrontarse a unha serie de retos tecnolóxicos ao largo de varios meses (novembro 2021 – abril 2022), podendo optar a diversos premios e incluso a un programa de bolsas para traballar no grupo Hewlett Packard Enterprise. Deste xeito, centros de alumnos organizados en equipos puideron coñecer os segredos dunha cidade do futuro chamada Anthem, que protagoniza unha das campañas actuais de HPE, “e sairán dela sabendo utilizar a tecnoloxía para crear un mundo mellor”, explican dende a organización do evento.
A fase final da nova edición (o hackathon de programación) desenvolveuse esta fin de semana en Madrid. Os equipos galegos competiron xunto con outros tres grupos (clasificados de entre un total de 58: os que iniciaron o concurso en novembro), deseñando a cidade do futuro.
Con esta competición a compañía busca “identificar e desenvolver talento novo, apostando por unha versión innovadora e avanzada dos tradicionais hackathons”.
O tema principal dos retos e probas que os equipos tiveron que ir superando dende novembro é unha cidade do futuro chamada Anthem. Ao longo das tres fases que conformaron o HPE CDS Tech Challenge, as e os participantes foron coñecendo esta cidade do ano 2051, contribuíndo a mellorar a súa contorna e aprendendo a empregar a tecnoloxía para crear un mundo mellor.

PUBLICIDADE