Altia renova a súa solución Mercurio para facer aínda máis áxiles e doados os procesos de licitación electrónica

venres, 16 de maio do 2014 Redacción

A empresa tecnolóxico-dixital Altia, radicada na Coruña e con instalacións acabadas de estrear en Vigo, vén de anunciar un importante proceso de renovación da súa filosofía de traballo, agora máis que nunca centrada en achegar innovación a tempo completo e solucións tecnolóxicas de valor engadido. Nesta liña é onde se insire precisamente a reformulación de Mercurio, unha plataforma ideada e desenvolvida pola compañía galega para facilitar aos seus clientes a xestión integral (de xeito telemático) de todos os procesos relacionados coa licitación.
E até onde chegou este proceso de reformulación? Pois virtualmente até o máis alto (moi por enriba da nosa contorna), posto que segundo informa Altia unha das medidas a topar con respecto a Mercurio foi intensificar a súa comercialización en modo nube e co obxecto de favorecer a súa dispoñibilidade e fomentar o seu uso.
En palabras do presidente da compañía, Constantino Fernández, “do que se trata é de favorecer a licitación electrónica”, e calquera mellora de procesos que acade iso, engade, terá por forza “un impacto significativo na economía española”. Fernández lembra que a día de hoxe, “a contratación pública en España representa aproximadamente o 15% do PIB nacional”, e recorda tamén que unha directiva europea aprobada recentemente establece o prazo de xaneiro de 2018 para que todas as licitacións se faga de maneira electrónica. Tendo en conta isto, a conveniencia dunha ferramenta como Mercurio é aínda maior, explica, e máis se temos en conta que “esta solución favorece o cumprimento das diferentes leis (ou borradores das mesmas) de transparencia que se han ir aprobando no Estado por parte do Goberno Central e de diversos gobernos autonómicos”.
Por outra banda, o presidente de Altia tamén salienta a longa experiencia acumulada por Mercurio e polos profesionais que lle dan forma e que acaban de mellorar substancialmente o seu software: dez anos de experiencia no mercado e presenza en boa parte das principais empresas do ámbito estatal. De feito, Altia informa que se trata “da plataforma máis usada en España para realizar procedementos de licitación electrónicos ligados ao sector público”.
Respecto ás partes que integra Mercurio, sinalar que acubilla tres módulos diferentes: o referido ao rexistro de contratistas, o de licitación electrónica propiamente e o vencellado á notificación electrónica e comunicacións.
O rexistro de contratistas é o módulo que facilita o rexistro e a homologación de firmas licitadoras como provedoras das administracións públicas e que permite a presentación de documentos acreditativos destas empresas de forma telemática. Posibilita que as empresas non teñan que entregar reiteradamente aquela documentación que a administración adoita esixir con carácter xeral e uniforme na normativa contractual. “É por iso”, explican fontes de Altia, “que este módulo está aliñado coa Lei 14/2013 de Apoio a Emprendedores e á súa Internacionalización”.
Polo que respecta ao módulo de licitación electrónica, dicir que permite o tratamento integral, de modo dixital, do ciclo completo de licitación tanto para empresas como para UTE (publicación de pregos, sinatura electrónica do contrato, rexistro de licitadores, presentacións das propostas asinadas vía electrónica por parte dos licitadores, realización de aperturas electrónicas das mesmas, etc). Este módulo soporta todos os procedementos de contratación, incluíndo a Poxa Electrónica; tal e como se esixe na Lei de Contratos do Sector Público.
A maiores, Mercurio ofrece a posibilidade de que as propostas poidan ser presentadas mediante a vía tradicional en papel e tamén de maneira dixital. Posibilita que o organismo poida dar de alta as propostas que cheguen pola primeira vía e mesmo subir arquivos electrónicos que se entreguen adxuntos a dicha propostas.
Por último, o módulo de notificación electrónica e comunicacións posibilita que se poida prescindir do papel durante todo o proceso de contratación e facilita a notificación oficial de forma segura, cumprindo coa legalidade vixente. Segundo informa Altia, “dispón dunha caixa de correos segura na que os usuarios poden consultar as súas notificacións, asinar acuse de recibo ou obter copias”. Este módulo pode usarse, ademais, para calquera tipo de procedemento (non só para licitación).

PUBLICIDADE