Altia potencia o talento da mocidade coa II edición do FP Dual en desenvolvemento de ferramentas web

luns, 24 de xullo do 2023 S. P.

A empresa tecnolóxica Altia, con sede principal en Arteixo, puxo marcha a segunda edición do seu Ciclo Superior Dual en Desenvolvemento de Aplicacións Web, en colaboración co Instituto de Educación Secundaria IES Fernando Wirtz. Tras o éxito obtido na primeira edición, este ano recibíronse 120 candidaturas de mozas e mozos con interese en formar parte deste programa formativo para 15 estudantes, pioneiro na nosa terra.
Altia explica que “a procura e a fidelización de talento é un dos grandes retos aos que se enfrontan as empresas do sector das Tecnoloxías da Información, e potenciar a formación profesional dual converteuse nunha das claves para solucionar este desafío; neste contexto anticipámonos á crecente demanda de formación dual no ámbito educativo coa segunda edición do programa en colaboración co IES Fernando Wirtz”. A iniciativa busca fomentar a inserción de mozas no mundo laboral, facilitar a súa transición ao mercado profesional e crear un equipo cohesionado de profesionais motivados e con ganas de aprender.
Os días pasados deuse a coñecer a listaxe provisional das 15 persoas que terán a oportunidade de formarse neste programa, que combina a educación académica coa experiencia práctica no mundo laboral. Os estudantes seleccionados participarán en proxectos internacionais e empresas de referencia, aprenderán con profesionais de máis de dez nacionalidades e formaranse cun “método adaptado, acelerado e personalizado”, engaden fontes da empresa galega.
“Hoxe en día é cada vez máis importante potenciar unha formación coordinada entre empresas e centros educativos”, afirma Ángela Souto, xestora de adquisición de talento, engadindo que “con esta nova edición do Ciclo Superior Dual seguimos demostrando o noso firme compromiso co talento e o desenvolvemento educativo en Galicia. En Altia apostamos pola formación dual como un modelo educativo eficiente e necesario para a preparación dos mozos ante os desafíos actuais e futuros dun mercado laboral ao que, sen dúbida, terán que enfrontarse proximamente. E nós queremos contribuír á súa preparación”.
A segunda edición do Ciclo Superior Dual en Desenvolvemento de Aplicacións Web abrirá novas oportunidades para novos estudantes interesados nos eidos da tecnoloxía e o desenvolvemento de aplicacións web.
Ademais da colaboración co IES Fernando Wirtz, este ano a empresa participará tamén no FP Dual do IES Santo Clemente, en Santiago de Compostela.

PUBLICIDADE