Altia aproba as contas do 2013 cun 59,7% máis facturado que no anterior ano

martes, 27 de maio do 2014 Redacción

En 1994 nacía Altia, unha compañía galega de consultoría e servizos TIC, que desenvolve proxectos para administracións públicas, industria e servizos, telecomunicacións e servizos financeiros. Emporiso, na nova que nos ocupa sinalamos que a Xunta Xeral de Accionistas da compañía aprobaba na tarde de onte as contas do exercicio pasado 2013, das que se conclúe unha cifra de facturación de 45,27 millóns de euros, un 59,7% máis que o ano anterior. En canto á cifra de negocio individual de Altia, esta situouse en 34,86 millóns de euros en 2013, un 23% máis que o ano anterior.
Coa incorporación de Exis e as súas filiais, esta cifra ascende aos xa citados 45,27 millóns de euros e, segundo palabras do presidente da compañía Constantino Fernández Pico: “O aumento do tamaño non impediu o mantemento da rendibilidade”. Así, o EBITDA individual aumentou un 4% respecto de 2012 e chegou a 4,64 millóns de euros. Doutra banda, o beneficio neto da compañía aumentou en 2013 a nivel consolidado “un 20% con respecto a 2012”.
Perante os accionistas, o presidente de Altia fixo fincapé en “dous aspectos que condicionaron en parte a conta de resultados de 2013: a integración de Exis e a adxudicación e posta en marcha dun novo proxecto para a OAMI. Asemade, Constantino Fernández salientou as “sólidas bases de negocio” sobre as que se asenta Altia, alicerces que farán posíbel que se presente aos accionistas e ao mercado un novo Plan de Negocio para o período 2014-2015, que proxecta continuar coa senda de crecemento e solvencia financeira que caracterizou a Altia desde a súa constitución.
Na Xunta Xeral de Accionistas de Altia abrangueuse tamén o pagamento dun dividendo total de 756.600,35 euros, o que supón a distribución dun dividendo de 11 céntimos por acción. Nas últimas semanas rexistrouse unha corrente alcista na cotización do valor que lle levou a máximos
históricos (por enriba dos 10 euros por acción).
Por último dicir que Altia conta con oficinas na Coruña, Santiago de Compostela, Vigo, Madrid, Valladolid, Toledo, Vitoria (Gasteiz) e Alacante; amais de posuír un Data Center en Vigo.

PUBLICIDADE