Altia Control Tower, na lista das cen mellores ideas de Actualidad Económica

martes, 15 de decembro do 2020 Redacción

A empresa galega Altia vai rematar o ano cunha nova distinción ao seu labor e ás súas contribucións tecnolóxicas avanzadas. En concreto, a súa ferramenta Altia Control Tower foi seleccionada como unha das 100 Mellores Ideas da publicación Actualidad Económica na edición 42 desta escolma de grandes achegas ao mercado.
Segundo explica Altia, trátase dun recoñecemento á innovación empresarial que, no caso da empresa tecnolóxica con sede en Oleiros, distingue o alcance de Altia Control Tower “como ferramenta impulsora da transformación dixital das empresas encadradas dentro do sector loxístico e da distribución”.
En concreto, Actualidade Económica distinguiu o módulo de rastrexabilidade de mercadorías de Altia Control Tower como “ferramenta que facilita o seguimento de produtos transportados en vehículos ou frotas corporativas, achegando unha visibilidade en tempo real que permite axustar ao máximo os tempos de entrega dos pedidos”. A publicación salienta que esta aplicación para o seguimento exhaustivo das mercadorías “resulta moi útil para empresas cargadoras, persoal de almacén, xestores de tráfico e operadores loxísticos”.
Francisco Rosell, director de El Mundo (cabeceira á que pertence Actualidad Económica), convidou a Iago Rodríguez-Quintana, responsábel da unidade Altia Logistic Software, a recoller o premio.

PUBLICIDADE