Altadis emprega as TIC para localizar lugares habilitados para fumar

martes, 3 de maio do 2011 Marcus Fernández

Para facilitar aos fumadores a localización de establecementos con zonas habilitadas para fumar nace Aquí Sí, un servizo que tira proveito do potencial da xeolocalización tanto dende o punto de vista do consumidor de tabaco coma dos hostaleiros, estando dispoñible a través dunha páxina web e tamén a través de aplicacións móbiles.
Os hostaleiros poden empregar nos seus establecementos un selo de Aquí Si (descargable en distintas versións vía web) facilitando a identificación dos locais con zona apta para fumadores, e na páxina web desta iniciativa tamén podemos atopar os establecementos no mapa, aínda que o máis interesante para o fumador habitual é que xa poidan descargar de balde unha aplicación para móbiles Android e outra para o iPhone, que aproveitando o GPS dos terminais móbiles permiten localizar os lugares próximos habilitados para fumar, podendo visualizalos no mapa ou nunha listaxe.
Esta plataforma de Altadis aínda está nun estado inicial, e a información que ofrece é bastante incompleta, pero paulatinamente irase enriquecendo. Cómpre destacar que a descarga das aplicacións móbiles de Aquí Sí só está permitida para maiores de 18 anos.

Aquí Sí está dispoñible para dispositivos móbiles con Android e iOS

PUBLICIDADE