Allariz pon en marcha unha web para manter informada á cidadanía sobre o COVID-19

mércores, 18 de marzo do 2020 Fernando Sarasketa

Practicamente todos os concellos da nosa terra están a poñer todo da súa parte para contribuír á loita contra o COVID-19 e, tamén, para seguir dando servizo á veciñanza e paliar na medida posíbel os efectos do seu confinamento. O Concello de Allariz deu a coñecer hoxe un plan de iniciativas que inclúe servizos para as persoas con mobilidade reducida e en situación de risco (dándolles atención, axuda nas súas compras e información a través de teléfono e do correo electrónico), labores de control policial para verificar que os desprazamentos fanse por necesidade e a posta en marcha dunha páxina web específica sobre a pandemia e como combatela dende o día a día de cada quen.
No sitio en liña a cidadanía pode consultar toda a información sobre a actividade do Concello en relación á eventualidade do COVID-19, amais de teléfonos de interese e recomendacións para acadar unha máis óptima protección sanitaria.
Amais, o Concello intensificou o reparto de alimentos e medicinas a través do voluntariado de Protección Civil e Servizos Sociais, e reestruturou o seu labor de atención ao publico (dita atención realizase no Concello, vía telefónica no 988 440 001, por correo electrónico e tamén a través da Sede Electrónica local para os trámites urxentes).

PUBLICIDADE