Allariz inicia unha campaña para dotar de portátiles os fogares que non dispoñan deles

mércores, 8 de abril do 2020 S. P.

Coa entrada en vigor do Decreto de Alarma interrompeuse toda a actividade docente dos colexios, institutos e universidades. Porén, fíxose necesario apostar pola teledocencia, un cambio de rumbo que foi doado para algúns fogares pero que está a ser un suplicio para outros moitos, que non contan cos recursos tecnolóxicos nin económicos para afrontalo. Co fin de axudar ás familias que estean neste segundo caso, os concellos están a pór en marcha todo tipo de medidas. Por exemplo o Concello de Allariz, que, en colaboración co IES, impulsou unha campaña para dotar de computadores portátiles a quen non dispoña deles.
A iniciativa materialízase de varias maneiras: por unha banda mediante a cesión temporal de equipos informáticos portátiles dende o Consistorio ao Instituto de Educación Secundaria de Allariz e, pola outra, facendo un chamamento á cidadanía para convidar ás veciñas e veciños que conten con dispositivos nas súas casas que estean en desuso e que queiran dalos en doazón, poidan facelo poñéndose en contacto co Concello para xestionar o proceso.
As canles para comunicarse serán a través da páxina de Facebook do Concello de Allariz ou no correo electrónico comunicacion@allariz.com.
O Goberno local lembra que tamén se está traballar, en colaboración co CEIP Padre Feijóo de Allariz, nun servizo de fotocopias para o alumnado de 3º a 6º de primaria, que de forma xustificada o solicitan. Poderase pedir a impresión do material escolar no correo electrónico participa@allariz.com indicando o nome do alumno ou alumna e o seu enderezo.

PUBLICIDADE