Aliexpress celebra o Día dos Solteiros con descontos do 50%

martes, 11 de novembro do 2014 Marcus Fernández

Moitos son os consumidores que reservan as súas compras tecnolóxicas a finais do presente mes, agardando polas ofertas do Black Friday, pero moitos dos produtos e accesorios sobre os que se ten o ollo botado poderían quedar a un lado de visitar páxinas web como Aliexpress, que hoxe está a celebrar o chamado Día dos Solteiros, que podería considerarse como a antítese do Día dos Namorados, e que dende primeiros dos anos 90 celébrase en China o día 11 do mes 11 (por aquilo de ser o día con máis 1).
As rebaixas en China coa desculpa desta peculiar celebración están a ter unha boa resposta do público, e dende Alibaba aseguran ter superado os 2.000 millóns de dólares en vendas na súa primeira hora, destacando que máis do 45% das compras chegan dende dispositivos móbiles.
Unha das plataformas de Alibaba é a mencionada Aliexpress, que está a ofrecer millóns dos seus produtos cun 50% de desconto, e incluso bonificando as compras con cupóns de desconto canxeables durante a xornada de hoxe. Boa parte dos produtos están dispoñibles durante todo o día, pero tamén hai ofertas lóstrego con unidades limitadas á venda durante só unha hora.
Cómpre lembrar que Aliexpress non limita a súa oferta de produtos á electrónica de consumo, senón que tamén comercializa produtos de moda, fogar, motor, deporte... un completo catálogo que fai que este tipo de promocións sexan apetecibles para practicamente calquera consumidor que se atreva a realizar pedidos a unha tenda en liña chinesa (pois, aparte dos problemas relativos ás garantías provocados pola distancia, tamén existe a posibilidade de ter que pagar aranceis polas compras).

PUBLICIDADE