Alianzo achega un produto para pór remedio ao exceso de información en Internet

martes, 24 de febreiro do 2015 Fernando Sarasketa

A empresa vasca Alianzo vén de desenvolver un produto que se vende como o remedio para o exceso de información en Internet. Trátase de Curation, e é unha ferramenta filla do seu tempo: un tempo (o que estamos a vivir) onde o problema xa non é tanto como recibirmos ou acadarmos máis información, senón que facermos con ela, como separar o gran da palla, como actuar ante a gran marea de datos que por intres nos asolaga. Segundo fai saber a empresa de Barakaldo, Curation filtra de xeito automático a información da Rede co obxectivo de facilitar a súa xestión por parte dos profesionais.
“O elevado volume de contidos e datos dispoñíbeis na Rede, o que comunmente se coñece como infoxicación”, sinala a empresa, “fai inviábel a súa lectura completa, polo que abre un oco para ferramentas capaces de seleccionar o máis relevante para cada persoa en cada momento”. Por certo que Curation forma parte de Alianzo Analytics, o produto estrela de Alianzo para analizar en tempo real redes sociais, blogs e aplicacións móbiles. Segundo apunta a empresa, o usuario destinatario medio destas ferramentas é un xornalista, un responsábel de comunidades, un alto directivo ou un xestor do coñecemento que precisa obter en todo momento unha escolma da información dispoñíbel en Internet que resulte máis relevante para os seus intereses.
O funcionamento semella doado. Así, logo dunha primeira configuración, a ferramenta encárgase de rastrexar a Rede buscando os contidos máis acaidos para cada persoa. Neste proceso bota man dun feixe de robots que percorren Internet e duns algoritmos que son capaces de seleccionar o máis relevante. Segundo engaden dende Alianzo facendo referencia ao proveito que poden tirar de Curation os distintos profesionais destinatarios, “un directivo poderá desta maneira saber que é o máis importante que debe ler relacionado coa actividade da súa compañía, un xestor do coñecemento terá acceso aos contidos máis relevantes para a súa empresa e, por último, un xornalista ou un community manager contará con información que lle inspire no seu labor cotián”.

PUBLICIDADE