Alianza galego-portuguesa en Póvoa de Varzim para tirar abaixo atrancos dixitais

martes, 13 de novembro do 2012 Fernando Sarasketa

Unir forzas, entre galegos e portugueses, na procura de métodos e accións concretas para achegar ás redes a quen estea lonxe delas. E todo, facendo especial fincapé na educación e no pulo TIC dos nosos concellos, comunidades, bairros, veciñanzas, vilas ou aldeas. Este é un dos grandes alicerces da terceira edición do Congreso Ibérico A Fenda Dixital, que se celebra o 23 e o 24 de novembro en Póvoa de Varzim, no norte do país irmán, da man das tres universidades galegas e a Nova Escola Galega (NEG), entre outras entidades galego-portuguesas. A apertura do evento correrá a cargo de António Osório (facendo fincapé nas redes sociais para facer comunidade e formación) e contarase, entre outros expertos galegos en materia 2.0, coa presenza do noso compañeiro Manuel Galego, que incidirá no potencial das TIC como “ferramentas de reapropiación simbólica do territorio rural”.
A xuntanza insírese nada cada vez máis frutífera interrelación galego-portuguesa no debate e na promoción conxunta das TIC.
O congreso foi presentado recentemente por Luís Diamantino, responsable de Cultura e Educación de Póvoa de Varzim; por José Luís Gonçalves e Daniela Gonçalves, da Escola Superior de Educação Paula Frassinetti; e polos tres docentes que participan na organización deste evento en representación das universidades galegas, como son Xosé Manuel Cid, da Facultade de Ciencias da Educación do Campus de Ourense; Xesús Rodríguez, da Facultade Ciencias da Educación de Santiago de Compostela, e Mº Montserrat Castro, da Universidade da Coruña.
Todas/os coincidiron en salientar a elección de Póvoa de Varzim “como lugar de celebración e a oportunidade de afondar nesta temática dado o espectacular incremento do uso das TIC na sociedade actual”.
O evento está organizado polas tres universidades galegas, por Nova Escola Galega e universidades do norte de Portugal, concretamente a Universidade de Trás-os-Montes e Alto Douro e a Escola Superior de Educação de Paula Frassinetti. A idea é xuntar todos os esforzos posíbeis para promover, co apoio do Concello Póvoa de Varzim, “un encontro científico que reunirá a profesionais de Galicia e de Portugal que teñen moito que achegar no eido do uso das TIC para o desenvolvemento educativo e rural”.

PUBLICIDADE