Algúns usuarios de móbiles Pixel comezan a probar Google Duplex

xoves, 22 de novembro do 2018 Marcus Fernández

No mes de maio Google sorprendeu anunciando que estaba a traballar na incorporación a Android dun servizo chamado Google Duplex que permitiría que os usuarios puidesen deixar en mans dunha intelixencia artificial procedementos que normalmente realízanse mediante chamadas telefónicas como reservar mesa nun restaurante ou pedir vez nun salón de beleza. Neste xeito, o Asistente de Google podería activar unha chamada de voz na que se combinaría recoñecemento de voz e síntese de voz, na que unha voz artificial interactuaría para tentar cumprir coas condicións da reserva desexada, informando logo ao usuario da mesma, ou dando conta do fracaso en caso de resultar imposible concertar a cita.
Aínda que dende Google advertían de que esta tecnoloxía estaba nunha etapa incipiente, dando a entender que tardaría anos en chegar ao público, confirman agora que un pequeno grupo de usuarios de teléfonos Pixel poderán probar en certas cidades de EE.UU. a posibilidade de realizar reservas en restaurantes empregado Google Duplex.
Ao parecer a proba piloto de Google Duplex limitaríase a New York, Atlanta, Phoenix e San Francisco, e só poderán realizarse as reservas por parte de usuarios de confianza, de xeito que, se instamos ao Asistente de Google a realizar unha reserva se non somos beta testers o sistema convidaranos a realizar unha chamada telefónica pola nosa conta.
Cómpre advertir de que polo momento Duplex só funciona en inglés, de aí que enténdase que esteamos ante unha tecnoloxía que tardará moito en evolucionar, xa que terá que adaptarse a numerosos negocios, varias linguas e incluso varios acentos e xeitos de falar. Dende Google tamén matizaron que Duplex terá que «identificarse apropiadamente» cando realice unha chamada telefónica, para que o interlocutor entenda que está a falar cunha máquina.

Vídeo no que podemos ver o funcionamento do sistema de reservas de restaurantes cun smartphone Pixel tirando proveito de Duplex

PUBLICIDADE