Alfredo Ramos renova o seu cargo de presidente do padroado de Gradiant

venres, 2 de decembro do 2022 S. P.

As entidades que integran o padroado do Centro Tecnolóxico Gradiant volveron elixir a Alfredo Ramos presidente do padroado da Fundación. O actual presidente do padroado volve conseguir a maioría de votos, do mesmo xeito que o vicepresidente, José Luis Albo, director de Sector Público Galicia, Asturias e Cantabria en Indra, así como, presidente do consello empresarial da Fundación.
Segundo informaron fontes do centro tecnolóxico vigués facendo balance destes catro anos no cargo de Ramos, ao longo deste tempo potenciouse a orientación de Gradiant cara ao sector empresarial e cara á mellora da competitividade da industria galega mediante as liñas de conectividade, intelixencia e seguridade. “Mostra diso son os diversos programas relacionados coa industria intelixente ou a seguridade industrial, amais das importantes alianzas con institucións do sector público autonómico e estatal”, engadiron dende Gradiant.
O centro tamén destaca que a reelección de Alfredo Ramos e José Luis Albo achega “estabilidade” ao proxecto actual de manter a Gradiant como centro TIC de referencia dentro do ecosistema de innovación en España e consolida o seu posicionamento a nivel internacional.
Gradiant é un centro tecnolóxico orientado a dar servizo ás empresas, contribúe á mellora da competitividade do tecido industrial galego a través do I+D e a innovación no ámbito TIC (Tecnoloxías da Información e a Comunicación). Nos seus catorce anos de vida, desenvolveu e implantou no mercado máis de 350 proxectos e logrou localizar en Galicia unha base de emprego cualificado integrada por máis de 150 persoas especializadas en enxeñería, investigación e expertas en desenvolver innovación no eido das telecomunicacións.

PUBLICIDADE