Aldaba, Microsoft e GFI convocan na Coruña ós principais profesionais galegos de sistemas informáticos e seguridade

martes, 27 de febreiro do 2007 Fernando Sarasketa

A información é hoxe en día un dos principais bens das empresas, sexan do sector que sexan (non so do tecnolóxico). Mais, a diferenza dos bens estritamente monetarios, ós datos en si mesmos non lles acaen ben as caixas fortes de alta seguridade, sobre todo se temos en conta que eses datos deben estar protexidos, pero tamén accesibles e, ó mesmo tempo, en mobilidade. Afondar na seguridade da información para empresas e máis para institucións públicas galegas é un dos obxectivos da xuntanza que está a organizar a galega Aldaba para o 2 de marzo, da man das multinacionais Microsoft e GFI.
Nesta reunión, que tamén vai encamiñada a ser a primeira dunha completa listaxe de reunións (non en van, unha das finalidades é constituír un foro sobre problemas de seguridade informática), prevese que estean presentes os principais profesionais de Galiza no eido dos sistemas de información e a protección dos mesmos. A xuntanza, que se celebrará no Centro Social e Financeiro Caixanova (na avenida da Mariña), servirá tamén para presentar na nosa terra os últimos desenvolvementos de Microsoft e GFI en tecnoloxías de seguridade.
Deste xeito (no que se refire á primeira das empresas) os participantes poderán coñecer de primeira man funcionalidades de ferramentas como ISA Server 2006, Intelligence Application Gateway, Forefront for Exchange, Forefront for SharePoint e o que será o Forefront Client Protection. Asemade, GFI concorrerá co EventsManager, un sistema que monitoriza as incidencias do tecido informático dunha empresa ou institución. Co fin de poder afondar no meirande grao nas vantaxes destas ferramentas, ámbalas firmas achegarán un equipo de expertos técnicos.

PUBLICIDADE