Airapro estrea tenda en liña que serve de escaparate para as Catareiras de Ardebullo e a Sala The Star

mércores, 26 de outubro do 2011 Redacción

A produtora carralesa Airapro vén de estrear unha tenda en liña na que pon a disposición de calquera internauta un feixe de produtos dos seus artistas e espectáculos: discos, camisetas, chapas, carteis, entradas...
A marca de Ardebullo, a aldea ficticia da que proceden as famosas cantareiras Nucha e Mucha, tamén ten unha forte presenza neste novo espazo, de xeito que os fans das Cantareiras de Ardebullo poden mercar chapas, camisetas, tazas ou posters coas fotos e logos destas dúas personaxes, interpretadas cada venres no programa Luar polos actores Marcos Pereiro e Xosé A. Touriñán, dous dos socios fundadores de Airapro.
No apartado dos discos, o produto estrela é Admirando a Condición, o primeiro disco de Sés, producido enteiramente por Airapro e publicado o pasado mes de xullo. Unha proposta de rock, blues e ritmos latinos 100% en galego e liderada pola compositora coruñesa María Xosé Silvar. Nun prisma musical diferente tamén pódese adquirir o disco de música contemporánea Doubles, do clarinetista lalinense Xocas Meijide, outro dos artistas representados por Airapro. Un catálogo de discos breve (pero selecto) que se irá ampliando nas próximas semanas.
A tenda electrónica de Airapro tamén ofrece a posibilidade de mercar entradas anticipadas para todos os concertos e monólogos programados na Sala The Star, o local de espectáculos situado en Carral e rexentado tamén por Pereiro e Touriñán.

PUBLICIDADE