Aimen presenta nas JAI 2014 un innovador proxecto robotizado de rehabilitación clínica

martes, 4 de novembro do 2014 Redacción

Ao longo desta semana ten lugar en Vigo a VI edición das Xornadas sobre Tecnoloxías e Solucións para a Automatización Industrial (JAI), alí presentouse onte Fisiorob, unha achega a medio camiño entre a robótica e a realidade virtual que nace coa vontade de asistir aos pacientes en exercicios intensivos de rehabilitación. Detrás deste enxeño atópanse as empresas galegas: Comsa, Emte, Aequs, Izmar, I3che, Balidea e POVISA; e contan coa colaboración de Aimen Centro Tecnolóxico, CIS Galicia e da Universidade de Vigo en temas relacionados coa robótica, electrónica, sistemas de realidade virtual e adquisición de sinais.
Emporiso, Aimen Centro Tecnolóxico (situado no Porriño), participa no desenvolvemento do proxecto, un innovador sistema robotizado de asistencia en rehabilitación neuromotora clínica. Fisiorob propón unha nova solución baseada na combinación da robótica con contornas virtuais de rehabilitación, para o seu uso na recuperación da mobilidade das extremidades superiores de pacientes con necesidade de rehabilitación neuromotora. O centro tecnolóxico colabora no desenvolvemento do sistema de control do brazo robotizado.
Prevese que o robot poida abranguer todas as fases de recuperación do doente, mesmo podendo realizar parte da rehabilitación no seu propio domicilio, mediante un sistema de adquisición de sinais biomédicos, que permitirá calibrar a súa evolución e adaptar o seu tratamento. Ademais, idearase un programa de xestión de datos co que organizar a información obtida en cadansúa sesión de rehabilitación para que o equipo médico poida realizar un axeitado seguimento da terapia e evolución.
Engadir que este proxecto conta co apoio do CDTI, o Ministerio de Economía e Competitividade, a Axencia Galega de Innovación e o Fondo Tecnolóxico.

PUBLICIDADE