Ahorro.net irrompe na App Store e celébrao cun sorteo de 300 euros para produtos Apple

mércores, 13 de maio do 2015 Redacción

Os responsábeis de Ahorro.net, plataforma para a xestión de finanzas persoais, veñen de informar da saída da aplicación do ámbito beta, iniciándose así unha nova andaina como ferramenta de balde na App Store, onde “conseguiu entrar con forza”, sinalan, ao tempo que recordan que estamos ante un recurso moi acaido para aqueles internautas que queiran saber durante todo o día “o que acontece co seu diñeiro”. De feito, permite cousas como controlar movementos e engadir e editar bancos. “O usuario”, explican, “pode dispor de todas as contas e controlar os gastos e os ingresos de cada unha delas”. Ahorro.net estaba dispoñíbel até o de agora na versión para Android.
A maiores do devandito, a plataforma posibilita os usuarios estaren ao día dos recibos que teñan pendentes de pago, dos que aínda falten por chegar ese mes e dos cobros de maneira automática, “sen ter que buscar eles a información, o que axiliza as xestións e reduce o tempo que se perde localizando cada concepto”.
Os desenvolvedores da aplicación tamén salientan a capacidade da mesma para fornecer trucos de aforro específico baseándose nos pagos dos usuarios, “de xeito que poidan acadar máis beneficios”. Tamén destacan que tanto na aplicación como dende a web cada movemento é engadido polo banco en cuestión “de maneira segura” e clasifícanse de modo automático para visualizar de contado o estado de cada conta.
Con motivo da actualización de Ahorro.net en iOS, a empresa puxo en marcha un sorteo co que agasalla dous cartóns de 150 euros para produtos de Apple a todos aqueles que participen até o vindeiro venres día 15. Só será preciso que rexistremos a nosa conta de correo na páxina do sorteo e compartir o concurso en Facebook e Twitter.

PUBLICIDADE