Afiánzanse en Compostela os alicerces da Asociación da Comunidade de Rede de Telecentros

mércores, 24 de outubro do 2007 Fernando Sarasketa

Rematou en Santiago (no Hotel San Francisco) o quinto Encontro da Comunidade de Redes de Telecentro da Sociedade da Información e, polo que nos contan os responsables da organización (a Dirección Xeral de Promoción Industrial), serviu entre outras cousas para elaborar o borrador dos estatutos da Asociación da Comunidade de Rede de Telecentros. No encontro, que contou coa presenza de representantes de todos estes puntos de acceso públicos de todo o Estado español, quedou perfilado o obxectivo principal do dito colectivo: coordinar todas as entidades que xestionan telecentros de conexión á Sociedade do Coñecemento.
O borrador fica pendente así da ratificación dos seus integrantes.
A xuntanza foi clausurada pola directora xeral Helena Veiguela e contou tamén coa concorrencia da Rede de Dinamización da Sociedade da Información, que é unha iniciativa da Xunta destinada a acurtar a distancia que afasta hoxe en día a moitos cidadáns galegos das vantaxes e posiblidades das redes, canle de datos de primeira orde e, tamén, pulo para a competitividade económica.

PUBLICIDADE