Aerocamaras porá o seus drons ao servizo do delivery en embarcacións de recreo

xoves, 12 de agosto do 2021 S. P.

A empresa galega Aerocamaras, centrada no desenvolvemento de drons e na formación no uso destes vehículos, xuntou forzas coa empresa de asesoramento e xestión de infraestruturas portuarias GEIC, para converter en realidade a entrega de comida a iates fondeados nas nosas costas e máis a resorts de luxo a través de vehículos aéreos non tripulados. O servizo chámase Drone to Yatch e estará plenamente operativo en datas vindeiras (comezou en fase piloto nas zonas de meirande presenza deste tipo de embarcacións, poñendo o foco na illa de Eivissa).
A iniciativa funcionaría do seguinte xeito: un usuario selecciona desde o seu barco o que quere comer, realiza o pedido a través da aplicación móbil ou a web de DroneToYacht a un restaurante específico e logo verá como o pedido é carrexado ao iate a través dun dron. Á outra beira do servizo atópase a loxística tecnolóxica e gastronómica propiamente dita: primeiro o restaurante recibe o pedido en cuestión, logo prepárase, acondiciónase para o seu reparto e ponse en mans do operador do vehículo aéreo. Neste punto sería cando se procedería á localización exacta da situación da embarcación, colocaríase o pedido na aeronave para o seu despegue e faríase a entrega no propio iate sen necesidade de que haxa contacto.
A previsón é de que o servizo comece a operar este verán nalgunhas das zonas con gran volume de embarcacións de recreo con clientes potenciais e Eivissa foi a illa seleccionada para encabezar o proxecto. Aerocamaras chegou a un acordo con múltiples restaurantes e mariñas da zona (e traballa para ampliar a lista de franquiciados) para que permitir sacar o máximo rendemento da súa app.
DroneToYacht é froito dunha asociación entre Aerocamaras e Global Equity Infrastructures Corporation (GEIC), compañía de referencia no asesoramento e o desenvolvemento de grandes proxectos de infraestruturas portuarias e instalacións para iates.

PUBLICIDADE