Aerocamaras mostra en Cuatro o seu dron anti-velutinas

xoves, 6 de xuño do 2019 Fernando Sarasketa

A empresa galega Aerocamaras, centrada no deseño de drons innovadores e na formación avanzada relacionada con estes aparellos, vén de sumar un novo fito á súa xa completa experiencia televisiva. Logo das súas contribucións a Volando Voy de Jesús Calleja e máis a Equipo de Investigación de La Sexta, agora foi a quenda de En el punto de mira (o programa do 4 de xuño), da canle Cuatro, onde a compañía de Ourense mostrou as capacidades e posibilidades do seu Dron Velutina, en palabras da firma “o mellor sistema actual para combater esta especie invasora”.
No programa participou o director executivo (CEO) de Aerocamaras, Jaime Pereira, e máis o técnico da compañía Patrik Foltyn, demostrando as funcionalidades do aparello aéreo, que está equipado cunha cana telescópica que se introduce nos niños de avespa asiática para inxectar o veleno que mata o insecto. “O noso método”, explicaron, “é rápido, eficaz, seguro e respectuoso co medio ambiente: en menos de dous minutos o dron pode neutralizar un niño e facelo, ademais, sen risco para os profesionais que o manexan, que teñen marxe para operar a máis de 500 metros de distancia”. Amais, a tecnoloxía de Aerocamaras está capacitada para eliminar a presenza de avespa asiática en colmeas situadas a máis de 10 metros de altura e en zonas onde os métodos convencionais non poden chegar. O Dron Velutina tamén equipa cámaras HD e infravermellas para detectar os niños e poder picalos para inxectar o veleno.

PUBLICIDADE