Aerocámaras e a Deputación de Ourense comezan a combater a velutina con drons

martes, 31 de outubro do 2017 Fernando Sarasketa

Técnicos da Deputación de Ourense e de Aerocámaras cos drons anti-avespas asiáticasPódese combater a vespa asiática con novas tecnoloxías? Pódese e, tendo en conta a máis que preocupante proliferación da velutina no noso medio natural, débese. A axuda, en contra do que se podería pensar, non vén de tecnoloxías a pé de terra, senón de innovación con capacidade para emular unha das principais características das velutinas: a facultade de voar. Esta é, de feito, a proposta da empresa galega Aerocámaras, con sede na Tecnópole de Ourense e especializada en formación e desenvolvemento de drons: atacar pola vía aérea os insectos invasores, que inzan os nosos montes facendo minguar a poboación de abe. Máis polo miúdo, trátase de localizar os niños de velutina nas polas das árbores e combatelos na cerna do problema. Como facelo? Pois inxectando nas colmeas, coa axuda do vehículo aéreo, unha substancia con capacidade para neutralizar o hábitat da vespa raíña e do resto da colmea, provocándolles a morte e impedindo o seu desenvolvemento. No desenvolvemento destas probas colabora a Deputación de Ourense.
A primeira xeira de traballo levouse a cabo onte en Celanova. A través da proba, conseguiuse neutralizar un niño en apenas dez minutos, que foi, lembra Aerocámaras, “o tempo que tardou o dron en despegar, aproximarse ao cumio da árbore e inxectar a substancia no interior do niño”. Esta actividade levouse a cabo coa colaboración da Mancomunidade Terra de Celanova, cuxo presidente, José Antonio Pérez, e o xerente de Aerocámaras, Jaime Pereira, acompañaron ao presidente da Deputación de Ourense durante a demostración desta técnica. O presidente da entidade provincial, Manuel Baltar, felicitou a Aerocámaras e agradeceu a colaboración da Mancomunidade Terra de Celanova “porque este é un éxito medioambiental de todos”.
Pola súa banda, Javier Pereira explicou que a Aerocámaras leva traballando dous anos neste proxecto, cuxa innovación consiste na montaxe dun dron específico para combater a vespa velutina. Este vehículo, para levar a cabo o seu obxectivo, carrexa unha pértega estabilizada que posibilita a aproximación á árbore para poder inxectar un líquido no niño. “A vantaxe deste método de acometida aérea”, sinalou Aerocámaras, “é unha mellor accesibilidade, xa que en moitos casos a altura da colmea ou a súa inaccesibilidade, no medio do bosque, dificultan a aproximación”.

PUBLICIDADE