Advirten dende FICOD da necesidade de dar boa imaxe corporativa na Rede

xoves, 19 de novembro do 2009 Fernando Sarasketa

Unha vez máis falamos do Foro FICOD, desta volta para informar dun dato concreto exposto onte na feira tecnolóxica e de certa importancia para a comunidade internauta: o coidado que cómpre ter na Internet en contraposición ao que facemos e dicimos na nosa vida diaria. Dito para que se entenda: as informacións achegadas na Rede, máis que as transmitidas por comunicación verbal, teñen tendencia a ficar intactas e recuperables facendo gala dunha teimosía comparable á de determinados fósiles. Este que é un dato a ter en conta para a nosa vida persoal, éo tamén para as empresas. Son declaracións da directora de Social Media Marketing de Web4, Lola González, para quen está claro que o que se conta na Rede fica alí para sempre, sendo case imposible rematar dun día para outro coa nosa hipotética mala imaxe.
Segundo conta SiliconNews dende FICOD, procurar manter sempre o tino no dixital é un bo xeito de comezar a nosa andaina corporativa na Rede, e máis tendo en conta dous ou tres factores: cada vez hai máis internautas, cada vez os internautas deixan pasar un menor número de meteduras de zoco e cada vez teñen máis marxe de manobra para tirar abaixo unha empresa.
Para a devandita relatora, a Internet participativa, a 2.0, ábrelle a veda ás críticas e ás malas opinións dos usuarios, que atopan na plataforma o altofalante global que lles faltaba. Este coidado de imaxe virtual, en contra do que se poida pensar, non é tarefa doada. Para a especialista en promoción en liña, está claro que hai unha gran cantidade de empresas e profesionais que camiñan un pouco perdidos pola Rede e sen saber moi ben que facer para chamar a atención dos internautas sen provocar un incendio.
Por certo que na mesma xornada de actividades e entroncando co mesmo tema, FICOD tamén lle deu voz a Luis del Pozo, director de Promoción e Vendas de Jazztel, quen atopa cousas negativas pero tamén moi positivas no feito de que teñamos entre mans unha Rede que sen segredos o deixa ver todo. En certa maneira, apuntou, quen está na Internet está máis que nunca nun escenario á vista de todas e todos, coa vantaxe do auditorio participativo e co inconveniente relativo de ser, precisamente, axente activo.

PUBLICIDADE