Advirten de que a condena xudicial por unha web de descargas foi produto dun acordo entre as partes

luns, 13 de abril do 2009 Marcus Fernández

Así era InfoPSP.com antes do seu peche

Durante os últimos días moitos medios de comunicación están a dar conta do caso do «primeiro condenado a prisión por lucrarse coas descargas de Internet», pero as informacións publicadas resultaron ser moi imprecisas e estaban sesgadas e manipuladas, e non foi ata hoxe que puidemos coñecer máis detalles dunha sentenza xudicial do mes de xaneiro (polo que non parece ter moita lóxica a súa difusión mediática hoxe, agás para con fins propagandísticos) na que Adrián Kuve Gómez Llorente, responsable da web InfoPSP.com (intervida xudicialmente en 2007), era condenado a 6 meses de cadea (que non cumpre por carecer de antecedentes penais), a unha multa de 6 euros diarios durante 12 meses, e a indemnizar con 1.200 e 1.600 euros a aDeSe e ás distribuidoras respectivamente, o que segundo o presidente da Federación Antipiratería (FAP) podería servir de exemplo a preto de 30 causas xudiciais semellantes que teñen abertas actualmente, criterio que tamén comparte o presidente de aDeSe, pese a que estariamos ante unhas declaracións moi afastadas da realidade, xa que resulta que estamos ante unha sentenza de conformidade a raíz dun acordo entre as partes.
¿Por qué é tan relevante este último elemento? Pois porque na causa non houbo ningún tipo de debate xurídico, polo que dificilmente pode ser precedente de nada, e todos, absolutamente todos os casos semellantes levados ante a xustiza española acabaron no seu sobresemento, pois existe unanimidade en que os actos denunciados non son constitutivos de delito penal, como deixou moi claro no seu blog o avogado David Bravo, quen tamén tivo a ben contactar co condenado para entender mellor os detalles do asunto, asegurando Kuve que as accións xudiciais remataran o pasado 24 de novembro. Segundo parece decidiron aceptar os cargos ante a oferta dunha sanción que podiamos considerar simbólica, non porque pensasen que podían perder a causa, senón ante a posibilidade de que as accións continuasen pola vía civil, o que podería «obrigar a pagar unha compensación económica» á que o acusado non podería facer fronte. Destacou que é un estudante, polo que non ten cartos para pagar unha defensa especializada nin para pagar unha importante compensación económica, polo que o acordo ao que chegou pareceulle unha boa opción, aínda que anima a xente que estea en situacións semellantes «a loitar e defender os intereses de todos os internautas mentres poidan».
Lembremos que ata o momento ningunha causa deste tipo (páxina web na que se facilitan ligazóns a contidos descargables a través da Internet) chegou á vía civil, polo que descoñecemos se realmente estariamos ante elevadas sancións, nin o tipo de probas que se esixirían para determinar as súas potenciais contías, pero pese ao que informaron algúns medios, non existe ningún cambio na doctrina xudicial a este respecto, continuando o P2P e as páxinas web que o promoven fóra do ámbito penal en España.

PUBLICIDADE