Adobe potenciará a face creativa do Surface Pro 3

martes, 7 de outubro do 2014 Marcus Fernández

As posibilidades do Surface Pro 3, un tablet de Microsoft que ten a potencia dun ordenador completo, pero contando tamén con pantalla táctil e un lapis dixitalizador, parecen aínda por explotar, e como un importante pulo para este tipo de equipos a compañía de Redmond anunciou unha alianza con Adobe durante o congreso Max, na que presentaron unha versión nova do Illustrator optimizada para o último tablet de Microsoft, que convértese así nunha magnífica solución para a creatividade ao poder combinar o uso do seu lapis e dos dedos do usuario.
No evento organizado por Adobe tamén se amosou un adianto dun novo espazo de traballo para Photoshop, deseñado especificamente para o Surface Pro 3 alcumado como Playground, e que supón unha avanzada adaptación da ferramenta gráfica para o seu uso táctil. Temos así que a interface táctil para o software de Microsoft non se limitará ás aplicacións móbiles para iOS, senón que abrirá unha porta a un dispositivo como o Surface Pro 3, que ofrece unhas posibilidades que non teñen competencia nese rango de prezos (xa que é posible facerse cun destes tablets por 799 euros, cando por ese prezo non é posible atopar sequera unha pantalla dixitalizadora que precisa un ordenador para funcionar).
Adobe non se limitou a amosar novidades relativas a dispositivos táctiles, senón tamén aos que recoñecen o movemento, como Kinect, de xeito que poderemos ver no futuro solucións baseadas nesta tecnoloxía.


Vídeo do evento de Adobe no que se amosaron as novidades relativas ao Surface Pro 3

PUBLICIDADE