Adobe avanza detalles sobre a adaptación do Flash aos móbiles

martes, 6 de outubro do 2009 Marcus Fernández

A tecnoloxía Flash de Adobe está a prepararse para o seu definitivo salto ao móbil, e agora actualízase o seu reprodutor móbil á versión 10.1 (aínda que polo momento só a través betas públicas que sairán nos vindeiros meses), facilitando o acceso a contidos Flash en dispositivos que Android, Windows Mobile, WebOS, BlackBerry e algúns Symbian OS, mentres que o iPhone de Apple quedaría fóra, cando menos ao relativo á visualización de Flash integrado en páxinas web.
A revisión do Flash móbil permitiría aproveitar a aceleración de vídeo da que contan as tarxetas gráficas cando sexa posible (o que podería axudar a funcións como a reprodución de vídeo de YouTube en alta definición), soportará acelerómetro (para detectar se xiramos a pantalla do terminal), pantallas multitáctiles e xestos. Tamén optimizaron o reprodutor para reducir o seu consumo ata un 55%, o que realmente será moi útil en teléfonos móbiles.
Adobe busca que a popularización do Flash no móbil faga doado o desenvolvemento de aplicacións para múltiples soportes, como deixaron claro durante a conferencia Adobe MAX de Los Angeles, na que anunciaron a suite CS5, que será capaz de exportar documentos creados con Flash ou Adobe AIR a aplicacións nativas para o iPhone, listas para enviarse á App Store para a súa aprobación e publicación por parte de Apple (aínda que a compañía de Cupertino aínda non fixo ningunha declaración ao respecto).


Presentación do curioso xeito que tivo o Flash de saltar ao iPhone
Deste xeito, aínda que Apple dea as costas á tecnoloxía Flash dentro da versión móbil do seu navegador Safari (preferindo centrar os seus esforzos na adopción do HTML5), podería ser unha plataforma moi interesante para creación de xogos e aplicacións multimedia para o iPhone e o iPod Touch.
Avanzando na integración do Flash nos móbiles, durante esta semana xa puidemos ver cómo o Palm Pre (terminal que corre con WebOS) é capaz de correr 3 instancias de Flash en paralelo, mentres que no potente Toshiba TG01 comprobouse cómo era posible presentarse en pantalla gráficas realizadas en Flash dende o servizo Google Finance ao que accédese no Internet Explorer 6.


Toshiba TG01 cargando un gráfico de Google Finance elaborado en Flash

PUBLICIDADE