Adobe asegura que reciben máis de 7 millóns de solicitudes ao mes de Flash dende iPhone/iPod Touch

mércores, 10 de febreiro do 2010 Marcus Fernández

O Nexus One permite a reprodución de Flash en páxinas web

A negativa por parte de Steve Jobs para aceptar a entrada da tecnoloxía Flash no navegador web do iPhone e do futuro iPad levou a Adobe a pórse á defensiva, e así o seu máximo responsable, Shantanu Narayen, anunciou que os usuarios dos produtos de Apple non estarían moi conformes con tal decisión, pois dende Adobe rexistraron no mes de decembro máis de 7 millóns de peticións de descarga de Flash dende terminais do iPhone e iPod Touch.
Amais, Narayen tamén incidiu no feito de que nos últimos meses foron quen de levar o Flash 10.1 a terminais telefónicos coma o Palm Pre, o Motorola Droid ou o Nexus One, de xeito que os esforzos da compañía para optimizar a súa tecnoloxía para adaptala a móbiles están a dar os seus froitos, e incluso hai analistas que apuntan a que máis da metade dos smartphones soportarán Flash en 2012.

PUBLICIDADE