Adicións Dixitais incide nos perigos de deixar que a rapazada pase o verán enganchada á computadora

venres, 2 de xullo do 2010 Fernando Sarasketa

O problema da era da tecnoloxía para a rapazada é que agora ten máis razóns para ficar na casa. En tempos, a balanza inclinábase cara as moitas cousas que se podían levar a cabo no exterior (axudadas, claro, polo menor número de coches), pero hoxe semellan pesar máis os motivos para non buscar lecer fóra do eido familiar, motivos entre os que se contan (aínda que non son os únicos) consolas, computadores, redes e, tamén, o desleixo dunha boa parte dos pais que ven nas ditas ferramentas unha boa oportunidade para que non lles rompan a cabeza. Cómpre que non se nos entenda mal: as tecnoloxías na mocidade son ben necesarias, pero até o máis necesario pode achegarnos problemas se non poñemos en xogo un pouco de mesura. En informar disto centran unha boa parte dos seus esforzos Adicións Dixitais, plataforma dedicada a promover o uso racional das TIC e que estes días de comezo das vacacións quere salientar o desembarco masivo dos nenos e nenas cara cadanseu computador. E faino a través dun estudo no que tamén se inclúen datos sobre a realidade galega, arestora non moi diferente da do resto do Estado.
Segundo se nos conta no seu informe, a meirande parte dos case 125.000 nenos galegos de entre dez e 15 anos, arredor do 90% do total, accede ás TIC de xeito cotiá, cousa que non sería problemática de por si sempre e cando haxa algo de control pola súa parte e pola dos pais e/ou titores.
Accións Dixitais, na súa busca de maior concienciación sobre a necesidade de pór máis límites a “este abuso”, informa que da devandita franxa de idade, o 77,3% das rapazas e rapaces da nosa terra accederon á Rede nos últimos tres meses (o 86% a nivel estatal), taxa da que unha elevada porcentaxe fíxoo sen o menor control paterno.
Isto que é aplicable a Internet, engade, tamén se pode levar á práctica no emprego do móbil, un aparello que a día de hoxe é usado polo 68% da rapazada galega de idades comprendidas entre os 10 e os 15 anos. Segundo sinala a este respecto Juan Romero, voceiro de Adicións Dixitais (na imaxe, nunha charla recente na UNAV), “na longa experiencia da plataforma con alumnos, pais e mestres, temos constatado que a dedicación da mocidade galega ao lecer tecnolóxico vén de longo, esquecendo outras facetas de entretemento como a lectura ou saír á rúa”.
E prosegue: “Durante as últimas semanas as preguntas máis frecuentes que me fan os pais galegos refírense ao que van facer os seus fillos durante os meses vindeiros; e isto vén a conto porque os rapaces asumen que vacacións e computador son o mesmo; e os pais non queren que pasen todo o día coa maquiniña, pero non saben como evitalo”.
Sobre este último punto, Adicións Dixitais quere ser clara: cómpre tomar medidas canto antes para que o dito problema non vaia a maiores. Isto, informan, poderá ser polas boas (negociando o tipo de actividades que se van a desenvolver nos meses de calor, fomentándose o diálogo entre pais e fillos sobre este punto) ou “polas malas” (prohibindo até onde sexa preciso o emprego intensivo das devanditas ferramentas). Para Romero, “non se pode deixar que os rapaces, por moi boas notas que sacaran, pasen o día deitados no sofá coa Play, vendo a tele ou enganchados ao computador”.

PUBLICIDADE