Adían o bloqueo de EE.UU. a TikTok

venres, 14 de agosto do 2020 Marcus Fernández

As ordes executivas aprobadas por Donald J. Trump contra WeChat e TikTok, que entrarían en vigor a mediados de setembro, non cesan de atopar atrancos, e poderían non chegar a aplicarse nunca ante a súa potencial ilegalidade e as moitas presións que está a recibir a Casa Branca por tal decisión arbitraria que pese a estar vestida de medida contra China, realmente ten un impacto moi negativo para a economía estadounidense (por exemplo, estiman que o bloqueo de WeChat podería supor que Apple vendese un 30% menos de iPhone a nivel mundial, o que suporía un durísimo golpe para a compañía).
Aínda que Trump fixara inicialmente un prazo de 90 días para aplicar o bloqueo a ByteDance, empresa propietaria de TikTok, medida que buscaría forzar a que a empresa vendese TikTok a unha compañía de fóra de China (como Microsoft), este tipo de negociacións resultan moi complexas, de aí que decidisen actualizar a orde executiva, que agora fixa unha nova data para a súa aplicación: o 12 de novembro.
Pero esta nova orde executiva inclúe novos detalles, como sería o feito de obrigar a que ByteDance destrúa todos os datos que teña de usuarios estadounidenses recollidos por TikTok e a súa aplicación precursora, Musical.ly.

PUBLICIDADE