Adamo leva a Internet de alta velocidade a Abadín (Lugo)

venres, 21 de xullo do 2023 S. P.

A empresa Adamo vén de levar fibra óptica ao concello lucense de Abadín, que fai fronte ao despoboamento da man do seu Goberno municipal coa nova infraestrutura. De feito, trátase dun concello que leva xa 70 anos perdendo habitantes e que busca, con este novo servizo, inverter a tendencia. “A fibra óptica é de vital importancia en calquera lugar, pero máis aínda, se cabe, en localidades pequenas, rurais e que levan décadas loitando contra o despoboamento”, explican fontes de Adamo sobre esta despregadura, engadindo que logo de semanas de traballo xa hai 155 familias no concello con Rede ultrarrápida, de ata 1.000 Mbps, á súa disposición.
Así llo trasladou David Llano, responsábel do operador en Galicia, ao equipo de Gobierno do concello, a cuxos membros explicou os detalles sobre o novo equipamento nun encontro celebrado esta mesma semana. O alcalde, José María López Rancaño, celebrou o aceso da fibra óptica no termo municipal e, segundo valorou a operadora, “está a impulsar o desenvolvemento da infraestrutura concedendo os permisos pertinentes con axilidade e facilitando en todo momento o labor dos técnicos”.
Co obxectivo precisamente de dotar de conexión de calidade aos sitios máis apartados, Adamo dispón dunha ferramenta específica: Ola, veciño! (Hola vecino!). Trátase dun formulario que se pode encher na web da empresa e que permite a Adamo avisar á persoa interesada en canto a fibra chegue ao seu fogar. Así mesmo, a través de adamo.es podemos solicitar que un teleoperador da compañía se poña en contacto con nós para achegarnos información sobre o servizo. Ademais, podemos marcar o 1600 para recibir información e/ou contratar produtos.
Adamo chegará a 100.000 fogares da provincia
A operadora lembrou nun comunicado que Abadín forma parte de todo un plan de expansión da compañía, que acumula máis de 70.000 vivendas cableadas en 35 concellos lucenses desde mediados de 2018. Para sufragar tal actuacións, Adamo investiu 20 millóns de euros e contratou a 300 traballadores locais en enxeñería, despregadura, mantemento e comercialización.
Neste intre o proceso segue adiante o seu curso, xa que o operador resultou adxudicatario da última convocatoria de axudas estatais e comunitarias para a instalación desta infraestrutura no territorio. En virtude do orzamento público-privado resultante do Programa Único, de 17,5 millóns, Adamo levará Internet de alta velocidade a 33.000 fogares rurais de Lugo entre 2023 e 2024 para sumar máis de 100.000 inmóbeis conectados á súa rede de alta velocidade no conxunto da provincia de Lugo.

PUBLICIDADE