Adamo achegará a súa rede de fibra óptica a 33.000 familias luguesas

luns, 17 de outubro do 2022 Redacción

Preto de 33.000 familias que residen en zonas illadas e dispersas da provincia de Lugo terán, por fin, acceso á Internet de alta velocidade grazas á segunda convocatoria do Programa ÚNICO-Banda Larga, financiado polo fondo Next Generation EU e dentro do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, da que o Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital vén de dar conta do seu resultado provisorio.
O operador Adamo, principal adxudicatario a escala nacional das subvencións comunitarias para estender fibra en áreas rurais (312.000 vivendas en 17 provincias), será a empresa que levará a cabo o cableado na provincia de Lugo. Para iso, recibirá 12,3 millóns de euros, cantidade que completará con outros 5,2 millóns de capital privado até alcandar os 17,5 de orzamento total. O prazo para a instalación comezará unha vez que a resolución sexa firme e finalizará o 31 de decembro de 2024.
Os traballos de Adamo marcarán un antes e un despois na vida desas 33.000 familias luguesas, debido a que pasarán a realizar con garantías, cunha conexión á Internet de calidade, actividades que hoxe podemos considerar habituais: teletraballo, educación en liña, compras pola Internet, citas médicas telemáticas ou gozar de videoxogos, series e películas en remoto, entre outras. Iso sitúa á fibra óptica como un elemento fundamental para fixar habitantes no territorio, como unha ferramenta imprescindible na loita contra o fenómeno do despoboamento, un mal que afecta a numerosas vilas luguesas.

PUBLICIDADE