Actualmente só poden acceder aos contidos de Twitter os usuarios rexistrados

venres, 30 de xuño do 2023 Marcus Fernández

Aínda que Elon Musk xa non ocupa o cargo de director xeral de Twitter, segue a ser o máximo responsable da compañía a nivel técnico, polo que as polémicas ao redor do servizo non cesan, e a súa última decisión impulsiva foi bloquear o acceso a Twitter por parte de calquera conexión que non estea identificada mediante unha conta de usuario.
Deste xeito non só se impide o acceso aos chíos por parte de persoas que non están dadas de alta en Twitter, senón que tamén se bloquea o acceso a numerosos sistemas automáticos que capturan información con distintas finalidades.
Este cambio de política non se anunciou de ningún xeito oficial, e non foi até que Musk saíu á palestra a dicir que é «unha medida temporal de emerxencia» que se confirmou que non estamos ante un cambio definitivo, senón ante un parche ante a degradación do servizo por mor dos accesos realizados por usuarios non humanos.
Queda por ver cando Twitter levantará as restricións, que poden resultar fatais para a plataforma, pois bloquear o acceso a usuarios non identificados supón converter a Twitter nun xardín pechado, polo que non formaría parte da web aberta, e os seus contidos perderían moitísima visibilidade, o que iría no sentido oposto ao que buscan na actualidade, querendo incluso converter a Twitter nunha plataforma na que reine o vídeo.

PUBLICIDADE